Ser científico é unha actitude


O artigo Ser científico é unha actitude foi publicado orixinalmente no número 35 de Auriensis, a revista do Ilustre Colexio Oficial de Médicos de Ourense, en xuño de 2016. Posteriormente, foi publicado n'As MIR e unha noites en 2 de agosto de 2016.


Esta é unha pequena captura da revista. Se queredes lelo enteiro, baixádea en pdf.

Hai unhas semanas gravei un vídeo titulado “Que vén sendo a homeopatía?”. Para facelo, achegueime a unha farmacia que vendía produtos homeopáticos, para ver como os presentaban alá á xente común. O que me contaron non importa agora, podedes velo no Youtube se queredes, o que me chamou a atención foi outra cousa. A farmacéutica díxome, textualmente, que ela non era científica.

A Farmacia é unha carreira do ámbito das ciencias da saúde. E, segundo a RAG, científica é aquela persoa especialista nunha ciencia. Entón, calquera persoa que teña o título de Farmacia é, por definición, unha científica. Por que aquela farmacéutica non se consideraba científica?

A resposta veu despois, nunha conversa sobre o tema cun amigo químico. Ou sexa, un amigo que estuda Química, non é que use “amizade química” como eufemismo para unha relación afectiva. O meu amigo e eu temos bastante química, mais nunca pasamos ao plano físico. En fin, que me vou do tema. O caso é que tanto el coma min nos consideramos científicos, aínda que nos dediquemos a diferentes ámbitos da ciencia, e chegamos a unha conclusión sobre o verdadeiro significado de ser científico.

A RAG dirá o que queira, mais ser especialista nunha ciencia non fai de ti un científico. Podes ser farmacéutica, químico, médico ou física cuántica, iso non te converte en científico. Ser científico é ser escéptico, non acreditar en supersticións nin crenzas non demostradas. Ser científico é procurar a verdade, sen preconceptos nin apriorismos. Ser científico é ser capaz de mudar o teu pensamento se a realidade demostra algo contrario ao que pensabas. Ser científico é, en definitiva, unha actitude.

Mensagens populares deste blogue

Jon Amil: “A AGAL tem que encontrar o seu papel também fora do campo cultural galego, tem que ser uma referência para a sociedade galega no seu conjunto”

Oceanhorn: Monster of Uncharted Seas, o Zelda de marca branca

Com música de fundo de Linkin Park