Epidemia de amputación de penes


O artigo Epidemia de amputación de penes foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 30 de marzo de 2015.


Estamos afeitas a ver nos medios de comunicación grandes titulares coa palabra epidemia. Epidemia de gripe, epidemia de ébola, epidemia de obesidade... mais de entre todos eles, un titular chamou a miña atención especialmente. A epidemia de amputación de penes.

A miña intención era colocar un esquema sobre a cirurxía de reimplantación do pene, de modo que comecei a buscar no Google Imaxes cousas como "penis amputation", "penis surgery" ou "penis implantation". o cal resultou ser unha terríbel idea.

Veredes, en 1983 a revista médica The American Journal of Medicina publicou un artigo chamado Surgical management of an epidemic of penile amputations in Siam (Manexo médico dunha epidemia de amputacións de pene en Siam), no que dan conta dunha epidemia de amputacións de penes que houbo na cidade tailandesa previamente nese mesmo ano. O tema comezou cando un pequeno grupo de mulleres, enfurecidas pola infidelidade dos seus respectivos homes, decidiu tomar a xustiza pola man e cortarlles o membro viril. O problema foi que a nova tivo grande repercusión nos medios de comunicación da cidade, con amplas reportaxes, e isto deu a idea a outras mulleres de homes infieis para facer o mesmo. E cantos máis casos había, máis titulares saían nos medios, e máis mulleres tomaban exemplo.

A epidemia aumentou moito a demanda de cirurxías de reimplantación do pene, unha técnica pouco común, o que deu pé ao artigo. Lamentabelmente, só un reducido número de homes puideron someterse á operación, xa que os membros amputados normalmente acababan comidos por patos. Si, non estou a inventar nada, a introdución real do artigo comeza así:

"Púxose de moda na década de 1970 que as mulleres tailandesas humilladas agardasen que o seu marido infiel adormecese para seccionar o seu pene cun coitelo de cociña. A casa tradicional tailandesa está elevada sobre piares e as xanelas están abertas para permitir a ventilación. Por isto, é bastante frecuente que o pene amputado sexa lanzado pola xanela fóra, onde pode ser capturado por un pato.

Cando escribín o artigo sobre as fobias, a anatidaefobia (medo de ser observado por patos) pareceume absurda. Despois de saber isto paréceme unha reacción completamente comprensíbel. Detrás desa ollada aparentemente vacía están a pensar en comerche a pirola. E non no bo sentido.

Sei no que estás a pensar, parruliño...

NOTA: Unha epidemia, tamén chamada coloquialmente andazo, é o aumento do número de casos dunha doenza nunha poboación e tempo determinados. Se este aumento se dá nun período de tempo curto chamarémolo brote ou surto. Se é sostido no tempo nunha poboación restrinxida, será unha endemia; e se pola contra afecta varios continentes ou áreas xeográficas extensas falaremos de pandemia. Se en lugar de humanos afecta animais non humanos, usaremos o termo epizootia; e se se trata de plantas, epifitia.

Mensagens populares deste blogue

Jon Amil: “A AGAL tem que encontrar o seu papel também fora do campo cultural galego, tem que ser uma referência para a sociedade galega no seu conjunto”

Oceanhorn: Monster of Uncharted Seas, o Zelda de marca branca

Com música de fundo de Linkin Park