Que é a homeopatía?


O artigo Que é a homeopatía? foi publicado orixinalmente no Sermos Galiza en 19 de febreiro de 2015.


Entras nunha farmacia calquera do país. A porta fai un pequeno son que avisa da túa chegada. Ollas para un lado e ves a báscula e o tensiómetro. Ollas para o outro e ves unha estante con comida para bebés, ao lado doutra con protectores solares ou medicamentos para aliviar os sintomas da gripe, dependendo da época do ano. Nun recuncho ao fondo (se tes a sorte de que non sexa ultracatólica) ves preservativos. Mais a túa vista fíxase involuntariamente noutro lugar.  Alí enfronte, na zona máis visíbel, con letreiros grandes e amigábeis, os produtos homeopáticos chaman por ti como un canto de serea.

"A xente pensa que os produtos homeopáticos son algún tipo de menciñas naturais, remedios sacados de plantas ou mesmo que son medicamentos. Nada máis lonxe".
Mais... que é a homeopatía? Esa é a primeira pregunta que debemos facer, e que por desgraza case ninguén fai. A xente pensa que os produtos homeopáticos son algún tipo de menciñas naturais, remedios sacados de plantas ou mesmo que son medicamentos. Nada máis lonxe. A homeopatía baséase en dous principios, que o semellante cura o semellante e que a dilución aumenta a potencia. Ou sexa, para curar unha doenza é preciso coller unha substancia que a cause e diluíla moito moito, até que xa non quede unha soa molécula da substancia orixinal.

Exemplo: Resulta que un día, despois dunha comida forte, tes acía. Que fas? Pois colles unha substancia que sabes que causa acía, por exemplo zume de limón, porque disque o semellante cura o semellante. Mais sabes que se o tomas directamente non funciona, tes que diluílo para despertar a súa potencia. Entón botas 10 mililitros de zume nun litro de auga e axitas moi forte. Pódelo tomar xa? Non, desa disolución tes que coller 10 mililitros, botalos noutro litro de auga e axitar moi forte de novo. Xa está? Non, repíteo dez veces máis, até conseguir o que nos produtos homeopáticos vén indicado como 12C. Agora si que o zume de limón terá despertado o seu poder máxico!

"Non resta nin unha molécula da substancia orixinal na disolución final, senón que o que tes é apenas auga".
Sexamos serias. Unha disolución 12C equivale a unha pisca de sal en todo o oceano Atlántico. Ou sexa, que non resta nin unha molécula da substancia orixinal na disolución final, senón que o que tes é apenas auga. Aquí as homeópatas sacan da manga unha teoría peculiar, a da memoria da auga. Isto é, a auga dalgún xeito “lembra” as características da substancia que estaba diluída nela. Mais só as que interesan no momento de facer o produto homeopático, claro, e non das outras que tiña antes, porque axitar moi forte fai que a memoria da auga se formate como o disco ríxido dun computador. Obviamente non todas as homeópatas acreditan nisto, só que non teñen outra hipótese mellor e recorren ao vello “funciona e punto”.

E funcionará? Será que a homeopatía cura de verdade? Pois iso xa é materia para outro artigo, mais permitídeme un pequeno spoiler: Non.

Mensagens populares deste blogue

Novo DLC gratuito para o galego

Jon Amil: “A AGAL tem que encontrar o seu papel também fora do campo cultural galego, tem que ser uma referência para a sociedade galega no seu conjunto”

Com música de fundo de Linkin Park