O Club Nintendo bota o fecho


O artigo O Club Nintendo bota o fecho foi publicado orixinalmente en Memoria Pixelada en 20 de xaneiro de 2015.



O Club Nintendo Europa comezou alá por 1989 como un servizo de atendemento ao cliente. Coas consolas de Nintendo (e, en ocasións, algúns xogos) viña un cartón para facerse socio, que só tiñas que encher e enviar (co franqueo pago!). Entón enviábanche á casa un carné de socio e... xa eras parte do clube!

Nos primeiros tempos enviábanche unha revista bimestral á casa, mais había que renovar a pertenza ao clube unha vez ao ano, mostrando que compraras produtos da Nintendo. Máis tarde, na época da Nintendo 64 (que é a que lembro eu) o clube era un chisco distinto. Funcionaba por teléfono e correo postal. Dunha banda, se quedabas atascado nun xogo podías chamar ao teléfono do Club Nintendo e axudábanche, dando previamente o número de serie do xogo para garantir que o compraras. E tamén podías pedir unha guía do xogo, que che enviaban á casa gratis. E, aínda por riba, tiñan un servizo onde enviabas cartas coas túas dúbidas e respondíanche igualmente por carta. Moi útil, aínda que non me valeu para que me dixesen como conseguir a Mew no Pokémon Azul.

Máis tarde chegaron a Game Cube e a Game Boy Advance, e o clube pasou á internet. As guías dos xogo pasaron a ser online, a axuda por correo electrónico... e en 2003 chegou a mellor novidade de todas. O Catálogo de Estrelas. Con cada xogo e consola viña un código de rexistro, que metendo na web podías trocar por estrelas. E as estrelas podíanse trocar por premios. Así conseguín eu, por exemplo, o The Legend of Zelda: Collector's Edition para a Game Cube (como suei para conseguir as 10.000 estrelas, mi madriña!). E non só iso, aínda hai un mes conseguín o Kirby: Triple Deluxe cunha promoción do clube!

Mais chega de nostalxia. Hoxe a Nintendo anunciou que fechaba o clube. Deste modo, a partir do 1 de abril os produtos de Nintendo deixarán de traer o código para trocar por estrelas. A partir de 20 de abril xa non será posíbel trocar por estrelas os produtos dixitais descargados da eShop. E o 30 de setembro acaba todo e xa non se poderán trocar estrelas, nin darse de alta no clube, nin nada.

A parte boa? Dunha banda prometen novos premios para trocar as nosas estrelas até o 30 de setembro, incluíndo quizá algún xogo descargábel. E da outra o fin non é ben o fin, e o Club Nintendo terá como sucesor outro programa de fidelidade do que aínda non sabemos nada, e que traerá como regalo o Flipnote Studio 3DS descargábel a quen se apunte nel coa nova New Nintendo 3DS.

Continuaremos a informar cando haxa máis información.

Mensagens populares deste blogue

Novo DLC gratuito para o galego

Jon Amil: “A AGAL tem que encontrar o seu papel também fora do campo cultural galego, tem que ser uma referência para a sociedade galega no seu conjunto”

Com música de fundo de Linkin Park