Doenzas nos Simpsons


O artigo Doenzas en The Simpsons foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 9 de setembro de 2014.


Todo o mundo viu a serie The Simpsons. Coñezo o caso dalgún tolo ao que non lle gusta, mais coñecer, coñece. Entón, mentres vía un capítulo repetido pola enésima vez en canto comía, pensei en facer un artigo falando dalgunhas das enfermidades que aparecen na serie. Non vou entrar nas obvias, como o alcoholismo ou a obesidade de Homer, senón que vou tentar encontrar outras menos explícitas. Entón, comezamos!

ACROMEGALIA

No episodio 52, Homer at the Bat, forman unha equipa de baseball na central nuclear. Como o señor Burns ten medo de que perdan na final da competición, decide contratar varios xogadores profesionais, só que cada un deles corre un destino fatal que lle impide participar no partido. Un deles, Ken Griffey, Jr., faise adicto a un "tónico cerebral", o que lle causa un "estraño caso de xigantismo".

Cal é a medicina por tras disto? Pois ben, o tal do tónico contén hormona do crecemento (GH), usada ás veces por deportistas como substancia dopante. O problema é que un exceso da GH no adulto ten como consecuencia a aparición de acromegalia, unha doenza que se caracteriza, entre outras cousas, polo crecemento exaxerado dos ósos da cara, mandíbula, mans, pés e cranio.

EPILEPSIA FOTOSENSITIVA

No episodio 226, Thirty Minutes Over Tokyo, a familia Simpson viaxa ao Xapón. Cando están no hotel, poñen a televisión, e Bart comenta "Ei! Non son eses os debuxos que provocan epilepsia?". Acto seguido na televisión aparecen fortes luces intermitentes, que lles causan fortes convulsións. Vaia, a todos menos a Homer, que ve os outros no chan e ponse a imitalos, sen que realmente a el lle pase nada.

Isto é unha referencia a un suceso real. Un episodio de Pokémon, concretamente o 38, causou ataques epilépticos a millares de nenos do país. Isto foi debido a que en certa escena Pikachu lanza un impactrueno a Porygon, causando flashes de luces azuis e vermellas. Estes flashes desencadearon en suxeitos predispostos a chamada epilepsia fotosensitiva. Entón, non é que ver flashes de luz cause ataques epilépticos a todo o mundo, mais si que llos pode causar a calquera persoa. E, polo visto, aos Simpsons pásalles.

ANOMIA

No episodio 58, Bart's Friend Falls in Love, Homer comeza a escoitar unhas gravacións que el pensa que son para axudar a perder peso, mais na realidade son para mellorar o vocabulario. Ao final do episodio, cando deixa de escoitalas, volve ao seu normal, e ten un momento onde non é capaz de nomear unha culler ("Iso que se usa... taca... e a comer!").

Isto coñécese como anomia. A anomia é unha desorde neuropsicolóxica caracterizada pola dificultade para lembrar o nome das cousas. É un tipo de afasia motora, causada por danos na área de Broca, situada no lobo frontal do cerebro. Calquera persoa que vise un par de episodios da serie vería que Homer leva golpes na cabeza seguido, co cal é bastante comprensíbel.

DOENZA FALSA: EXPLOSIÓN RENAL

No episodio 211, Homer Simpson in: "Kidney Trouble", o avó aguanta a gana de mexar durante unha viaxe no coche. Aguanta tanto que lle estouran os riles, nun cadro que o Dr. Hibbert chama "explosión renal de manual" (textbook kidney blowout).

E isto é rotundamente falso. Se aguantas a urina moito, ao final o esfínter non soporta tanta presión e acabas mexando por ti, no que se coñece como incontinencia por extravasamento. Mais mesmo que fixeses un nó co pene para que aí non saíse nada, só causaría un cadro de refluxo vésico-uretral, que no peor dos casos levaría a unha grande distensión dos riles, mais sen estourar. Existe, é certo, un cadro chamado estalido renal, que sería o máis semellante á explosión, mais só acontece en casos de rexeitamento hiperagudo de transplante renal ou en traumatismos graves (como accidentes de tráfico). NUNCA por aguantar o mexo.

Coñeces outras doenzas que saian nos Simpsons? Algunha que che chame especialmente a atención? Cóntao nos comentarios para facermos a segunda parte do artigo!

Mensagens populares deste blogue

Jon Amil: “A AGAL tem que encontrar o seu papel também fora do campo cultural galego, tem que ser uma referência para a sociedade galega no seu conjunto”

Oceanhorn: Monster of Uncharted Seas, o Zelda de marca branca

Com música de fundo de Linkin Park