Como evitar a resaca


O artigo Como evitar a resaca foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 3 de agosto de 2014.



O típico, saes á noite de festa, bebes un pouco máis do que debes e despertas no dia seguinte sentíndote como un calcetín acabado de saír da lavadora. Nese fatídico momento xuras que os teus labios non van tocar nin unha pinga de alcohol nunca máis na vida. Só que é mentira, e tarde ou cedo voltas a despertar con esa mesma sensación. E non, non existen remedios milagrosos para curar a resaca, mais seguindo estes consellos podes facer que sexa ben máis leve.

  • Antes de comezar a beber, come alimentos con moita graxa e carbohidratos. As graxas relentizan a absorción do alcohol e preveñen a irritación de estómago, mentres que os carbohidratos evitan a hipoglicemia (ter o azucre baixo no sangue) e alivian as náuseas (a gana de vomitar).
  • Bebe auga. Antes, durante e despois de beber. O alcohol é diurético, fai que saia do corpo máis líquido do que entra. Ao faltar auga no corpo, os outros órganos róubana das meninxes (as membranas que rodean o cerebro) que encollen provocando a dor de cabeza.
  • Escolle bebidas de cores claras. As bebidas de cores escuras, como o viño tinto, licor-café, coñac e whisky conteñen moitos conxéneres, substancias producidas durante a fermentación que actúan como tóxicos que o corpo ten que eliminar. E cantas máis cousas teña que eliminar, máis lenta será a eliminación do alcohol e máis longa a resaca.
  • Evita misturar o alcohol con bebidas carbonatadas, como refrixerantes (Galicola, Mirinda, refresco de cola Hacendado...) ou cervexa (si, a cervexa é ela mesma unha bebida alcohólica, isto aplícase a bebela soa ou xunto con outras bebidas). O gas carbónico aumenta a absorción do alcohol, provocando unha resaca peor.
  • Bebe máis auga aínda. É mellor estar a mexar a noite toda que ter a cabeza a piques de estourar ao día seguinte.
  • Antes de ires durmir, toma unha aspirina ou un ibuprofeno. Estes medicamentos inhiben que o teu corpo produza prostaglandinas, unha das substancias que causa a resaca. Mais evita o paracetamol, xa que é hepatotóxico e xunto co alcohol pode provocar dano no fígado.
  • Cando despertes con resaca, almorza ovos (ricos en cisteína), bananas (ricas en potasio) e zumes de froita (ricos en frutosa). Estas substancias axudan a eliminar o alcohol do organismo e melloran o funcionamento do corpo.
  • Porén, o máis importante de todo é coñeceres o teu límite. Bebe moderadamente e evitarás non só a resaca, senón tamén ese incómodo momento en que lembras os SMS que mandaches ao teu ex na noite anterior.

Mensagens populares deste blogue

Novo DLC gratuito para o galego

Com música de fundo de Linkin Park

Jon Amil: “A AGAL tem que encontrar o seu papel também fora do campo cultural galego, tem que ser uma referência para a sociedade galega no seu conjunto”