ASMR (e unha noites)


O artigo ASMR (e unha noites) foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 12 de abril de 2014.



A ASMR

A ASMR é un fenómeno pouco coñecido e estudado. Sábese tan pouco del que mesmo moitas persoas do ámbito da neurociencia afirman que, simplemente, non existe. Mais existe tal. Non, non é que teña o ego á altura de Pena Trevinca e crea saber máis que especialistas en neurociencia, é que a min acontéceme.

ASMR son as siglas de Autonomous sensory meridian response, Resposta sensorial meridiana autónoma. É un fenómeno da percepción caracterizado como unha pracenteira sensación de formigo na cabeza, o couro cabeludo, os ombros ou as rexións periféricas do corpo en resposta a estímulos visuais, auditivos, táctiles, olfactivos e/ou cognitivos. Estímase que acontece a unha en cada mil persoas. Especúlase que o fenómeno poida ser debido á neurodiversidade, sendo apenas un xeito alternativo de provocar unha resposta pracenteira do cerebro nos individuos predispostos.

A falta de investigación débese á propia natureza da ASMR. Non existe un único estímulo que produza a resposta en todos os individuos. Deste xeito, faise complexo recrear o fenómeno nunha máquina de resonancia magnética e os datos obtidos son controvertidos. Non obstante, isto non quere dicir que non exista, só que aínda non existe evidencia científica que o avale, nun caso semellante ao que ocorría coa sinestesia antes da década de 90. E cales son as consecuencias da ASMR? É bo ou malo? Pois máis unha vez, non hai datos suficientes, mais algúns estudosos na materia din que pode ter efectos semellantes aos da meditación, reducindo o stress e a ansiedade.

O MEU CASO PARTICULAR

A ASMR lévame acontecendo desde que teño memoria. Só que, claro, eu non lle chamaba ASMR. Para min o que facía era ronronar, como os gatos, e non tiña maior importancia. Sempre pensei que lle debía pasar a todo o mundo, até que hai uns meses lin sobre o tema. E claro, unha vez descuberto, decidín experimentar.

Polo que lin, o estímulo máis común que causa a ASMR son os susurros. Está o Youtube cheo de vídeos con son binaural, como este, por exemplo. E a min ASMR non me produce, o que me dá son arrepíos. De verdade, non entendo. É moi chungo.

A min o que me produce ASMR é a atención. Cando alguén está a focalizar a súa atención en min para explicarme algunha cousa. Ou sexa, non é ningún estímulo sensorial, senón cognitivo. Por exemplo, cando na primaria a mestra viña á miña mesa para explicarme en privado algún exercicio que non comprendía, ou máis recentemente mentres unha persoa me indicaba como chegar a un determinado lugar mentres debuxaba un mapa nun papel.

Chegados a este punto pode soar moi estraño, mais pídovos que manteñades a mente aberta. Non é que exacule de pracer, nin que sinta excitación sexual, nin nada depravado. A sensación é a dun formigo que nace no couro cabeludo e baixa polo pescozo até as costas e os brazos, cun lixeiro zunido nos ouvidos. A mente reláxase e fica en branco, focalizando só no que me están a explicar. E o pracer que se sente é semellante ao de cando estás na cama quentiño un domingo á mañá, abres os ollos un instante, e vólveste acochar sabendo que podes continuar a durmir outro pouquiño.

Oxalá dentro de pouco se saiba máis da ASMR. De momento existe unha equipa chamada ASMR Research & Support que parece que é quen está a tentar atraer atención para o fenómeno, mais a comunidade científica non parece moi interesada no tema. Quen sabe.

Mensagens populares deste blogue

Novo DLC gratuito para o galego

Com música de fundo de Linkin Park

Nom hai fronteiras