Por que Charizard é o mellor Pokémon
O artigo Por que Charizard é o mellor Pokémon foi publicado orixinalmente en Memoria Pixelada en 23 de outubro de 2013.
Hai pouco saíron os novos Pokémon X e Y, sendo un total éxito de vendas. O fenómeno Pokémon, lonxe de desaparecer, está a tomar novos folgos. Mais unha dúbida fica no ar: cal é o mellor dos xa máis de 700 Pokémons? Pois non hai unha única resposta certa... ou si, que carallo, si que a hai, é Charizard.
1. Charizard é un dos 150 Pokémons orixinais da primeira xeración
Na primeira xeración están os Pokémons mellor feitos. Certo é que entre os máis novos tamén hai algún Pokémon que se salva, mais a maior parte dan noxiño. De verdade, un xelado? Unha espada? Ou mesmo un Pokémon que é literalmente un monte de lixo? Por favor...
2. Charizard é un dos Pokémons iniciais orixinais da primeira xeración
De entre os 150 Pokémons da primeira xeración, hai certos Pokémons que deixaron unha pegada máis fonda que o resto. Estes son os iniciais, os que adestramos con máis ímpeto, aqueles nos que puxemos todo o noso esforzo para lograr vencer xefes de ximnasio e membros do Alto Mando. Mais mesmo dese top 3 de mellores Pokémons, Charizard destaca sobre os demais. Porque afrontémolo, unha tartaruga obesa ou un sapo obeso cunha flor nas costas non son rivais para un dragón que cuspe lume pola boca.
3. Non hai mellor xeito de voar que montado nun Charizard
Podes voar en avión, cun jetpack ou noutro Pokémon como Pidgeot. Mais, sexamos sinceros, todos nós soñamos nalgún momento con voar montados nun Charizard.
4. Porque a mesma Pokédex se encarga de demostrar o abraiante que é
A Pokédex do Pokémon Prata di: «Respira intensas e quentes chamas que poden derreter practicamente calquera cousa. O seu alento inflixe unha dor terríbel nos seus inimigos». Penso que sobran os comentarios.
5. Mega Charizard
Coa chegada dos Pokémon X e Y e a introdución da Mega Evolución na mecánica do xogo, chegaron os novos Mega Charizard X e Mega Charizard Y. Podes non gostar da nova mecánica das mega evolucións, e mesmo podes falar mal de Mega Charizard Y, mais Mega Charizard X é un pokéorgasmo para todos os que medramos xogando a Pokémon.
Ollade que malleira lle dá Mega Charizard X a Mewtwo no anime Pokémon: Origins (o momento épico comeza no minuto 2:35).