Análise de “Thomas Was Alone”


O artigo Análise de “Thomas Was Alone” foi publicado orixinalmente en Memoria Pixelada en 7 de xullo de 2013.


Thomas Was Alone foi unha pequena xoia que comprei sen querer nun Humble Bundle. Interesábame outro dos xogos do pack para xogar multixogador vía Steam, e ese estaba aí. Non lle dei a maior importancia até moito despois, concretamente hoxe. E logo de xogar a el toda a tarde deste domingo, déixovos aquí esta pequena análise.

Título: Thomas Was Alone (Thomas estaba só)
Creador: Mike Bithel
Plataformas: Linux, Windows e Mac (directamente ou vía Steam), PS3 e PS Vita (vía PSN)
Prezo: 7,99 € (máis barato se estás atento ás promocións)


Thomas Was Alone narra a historia de Thomas, unha intelixencia artificial que toma consciencia de si propia e decide saír do computador para coñecer o mundo exterior. Así contado parece absurdo, mais conforme se desenvolve a trama vas entendendo a historia e a personalidade de cada unha das personaxes. Chegas a sentir empatía por eles. Nunca pensei que unhas formas xeométricas puidesen sen máis expresivas que moitos dos actores de fama actuais.

O estilo de xogo é moi simple. É un plataformas en 2D con vidas infinitas. Comezas manexando a Thomas, un rectángulo vertical de cor vermella que pode moverse e saltar. Conforme avanzas no xogo vas encontrando novos amigos con habilidades distintas, como poder flutuar na auga ou saltar máis alto. Terás que combinar as súas habilidades para lograr en cada fase levar os personaxes a cadanseu portal, que non son máis que a súa silueta cun borde branco.

Os gráficos son moi bos, minimalistas, ben feitos e coloridos, mais onde o xogo me conquistou foi no son. As melodías que soan de fondo en cada fase son simples e relaxantes, non molestan en absoluto. E durante a partida a voz do humorista Danny Wallace vai narrando en off a historia co seu elegante sotaque británico. Nas versións de PC e Mac as voces e os textos están só en inglés, polo que se non dominas a lingua de Shakespeare vas perder unha parte moi importante do xogo. Non podo asegurar se as versións da PSN teñen as lexendas en portugués ou castelán, xa que non teño ningunha consola compatíbel, mais en todo o caso as voces non están traducidas.



A dificultade do xogo é baixa. Podes bloquearte nalgún quebracabezas e tardar un chisco en resolvelo, mais en xeral dáse resolvido cada fase en menos de 5 minutos. A curva de aprendizaxe é moi suave, especialmente grazas ao simple do seu control, onde os únicos botóns que tes que manexar son os de moverte, saltar e trocar de personaxe.

A duración é a pata coxa do xogo. Son un total de 100 fases, si, mais eu completeino enteiro nunhas 3 horas. E iso incluíndo todas as proezas do Steam. Dá para botar unha tarde ben pasada, mais non agardes moito máis. É mellor pensar no xogo como quen ve un filme, desfrutar da historia con calma e unha vez acabado... a outra cousa.

En conclusión, o xogo é bo. Paga a pena xogalo, aínda que só sexa para gastar unha tarde parva de domingo. O que si, non creo que valla os oito euros polos que o venden. Non é un xogo imprescindíbel, mais se encontras unha boa promoción (como no meu caso, nun Humble Bundle) non perdas a oportunidade de probalo.

Mensagens populares deste blogue

Novo DLC gratuito para o galego

Jon Amil: “A AGAL tem que encontrar o seu papel também fora do campo cultural galego, tem que ser uma referência para a sociedade galega no seu conjunto”

Com música de fundo de Linkin Park