Hackea a túa vella Game Boy cunha Raspberry Pi


O artigo Hackea a túa vella Game Boy cunha Raspberry Pi foi publicado orixinalmente en Memoria Pixelada en 28 de febreiro de 2013.



En Memoria Pixelada xa vos mostramos como converter unha vella Game Boy estragada nun gamepad para Android, ou como construír dentro dela a consola portátil definitiva. Pois hoxe imos dar outra posibilidade máis, para que non vos queixedes. Hoxe imos usar unha Game Boy para crear unha carcasa para a Raspberry Pi.

Para quen non a coñeza, a Raspberry Pi é un pequeno computador do tamaño dun cartón de crédito, todo integrado nunha única placa. Ten a potencia dun smartphone e é moi moi simple. E é precisamente esa simpleza o que fai que sexa o obxecto máis amado polos amantes da programación. Se che entra a curiosidade, podes saber máis sobre ela no web oficial (en inglés).

Mais vaiamos ao tema, desde o web Hack a Day móstrannos como facer para introducir o trebello dentro da carcasa dunha Game Boy estragada. Trátase dun proxecto simple, só hai que baleirar a Game Boy e facer algún axuste na carcasa. Toda a información e imaxes está nesta páxina.

Lamentabelmente o autor deste hack tiña a pantalla da Game Boy estragada, polo que a substituiu por unha imaxe estática que colou ao cristal pola parte de dentro. Sería xenial poder ter unha Raspberry Pi dentro da Game Boy que funcionase realmente de xeito autónomo, coa súa propia pantalla e os botóns operativos, ou? Pois esa foi a idea do proxecto uXeBoy, de Daniel O'Shea, que podedes ver no vídeo a seguir.


A uXeBoy tentou facer unha campaña de crowfunding para ir adiante, mais lamentabemente non funcionou. Significa iso que debemos rendernos? Non, iso nunca!

Unha terceira persoa foi capaz de ir un paso máis alén e crear a xunción de Game Boy e Raspberry Pi definitiva: a GamePi. Un monstro portátil con 6 portos USB, unha saída HDMI, lector de cartóns de memoria SD, conexión á internet (con cable) e unha pantalla TFT a cor. Basicamente, un computador completo metido dentro dunha Game Boy Classic. Todo un soño para geeks.


Como podedes ver, construír unha GamePi é unha fazaña só apta para persoas verdadeiramente habilidosas. Tendes máis información sobre como construíla no foro oficial da Raspberry Pi (en inglés).

Mensagens populares deste blogue

Novo DLC gratuito para o galego

Com música de fundo de Linkin Park

Jon Amil: “A AGAL tem que encontrar o seu papel também fora do campo cultural galego, tem que ser uma referência para a sociedade galega no seu conjunto”