Controversia sobre o Apalpador
O artigo Controversia sobre o Apalpador foi publicado orixinalmente n'Os Arquivos da Meiga en 22 de decembro de 2010.
Comezouse un debate sobre a figura do Apalpador neste fí d'Os Arquivos da Meiga, mais como ese non é o lugar certo para debater tomei a licenza de transladar a discusión aquí.
Quen é o Apalpador?
Para quen non o saiba, e en resumo, é un carboeiro que vive no Courel e cada Natal baixa das montañas e trae regalos aos nenos. Máis info na wikipedia.
Nome
Coñécese como Apalpador, Apalpadoiro, Apalpa-barrigas ou Pandigueiro.
Orixe do mito
O mito recolleuse nas montañas dos Ancares e do Courel, tanto na parte galega como no Berzo (comarca galegófona baixo administración leonesa). Descoñécese se é propio de alí ou algunha vez estivo espallado por toda a Galiza. Non obstante, e existindo figuras semellantes por todo o Norte peninsular (Apalpador galego, Esteru ástur-cántabro e Olentzero basco) crese que nalgún tempo foi unha figura común largamente estendida.
Dicir que o costume de que os Reis Magos traian carbón (sendo o Apalpador carboeiro) vén precisamente da degradación do mito do Apalpador/Olentzero/Esteru queréndoo cristianizar, non habendo mellor xeito que transformándoo nunha figura que castiga os nenos maos (que despois acaabaría por desaparecer ficando só o símbolo do carbón).
Imaxe
A imaxe principal do Apalpador é esta, creada por Leandro Lamas. No entanto, existe outra imaxe alternativa feita por Xoán G. mais que é minoritaria.
Rescate do mito
O rescate do mito é de José André Lôpez Gonçâlez que escribiu un traballo etnográfico sobre a figura (pódelo descargar aquí) e potenciado na orixe pola Gentalha do Pichel.
Que o traballo etnográfico estea en galego reintegrado é unha opción persoal do investigador, totalmente respeitábel, e que é usada por moitos sectores para descualificalo. E que a Gentalha do Pichel sexa independentista non significa que a figura do Apalpador o sexa.
Recoñecemento oficial
Hoxe en día é recoñecido e potenciado polo Concello de Santiago, Concello da Coruña, Deputación da Coruña, Consorcio de Santiago, Rede Municipal de Centros Socioculturais de Santiago e moitas outras institucións públicas e privadas.
Relación coas tradicións xa existentes
Para comezar, o Apalpador NON vai contra os Reis Magos. Non se quere desterrar esa tradición por española, como din algúns medios de dereitas. Son totalmente compatíbeis, pois son en días diferentes e cun simbolismo diferente.
O Apalpador, porén, si procura substituír o Papá Nöel. Papá Nöel (tamén coñecido como Santa Klaus, San Nicolau ou Pai Natal/Nadal) é un costume novo (non se daba na xeración dos meus pais, que teñen agora sobre 50 anos), importado dos Estados Unidos que, á súa vez, o importou das lendas nórdicas. A imaxe actual de gordo bonachón e vestido de vermello é obra da The Coca-Cola Company, empresa multinacional. Con todo, hoxe é celebrado na Galiza dun xeito amplamente minoritario.
A miña opinión
Asumamos que fose só unha tradición do Courel e dos Ancares, non é mellor popularizala en toda a Galiza frente a unha lenda nórdica americanizada? Postos a "importar" unha tradición, mellor que sexa dunha parte do noso territorio a que sexa de fóra.
Que o Apalpador ten varios nomes? Tamén Papá Nöel (Santa Klaus, San Nicolau ou Pai Natal/Nadal), o Olentzero (Olentzaro, Orantzaro, Onontzaro, Orentzaro ou Orantzaro) e outras figuras.
Que ten varias imaxes? Ben, ten dúas, a que se escolleu cando se popularizou (a antedita de Leandro Lamas) e a de Xoán G. (que se propuxo e non triunfou). O Papá Nöel ten unha imaxe creada pola Coca-Cola para se dar publicidade.
Que se asocia a certa ideoloxía? Mentira. Iso fano os que están contra a súa recuperación para o desacreditar. Ou os Reis Magos están asociados á idea dunha España católica e unida? Ou o Esteru ao independentismo cántabro? A xente que non coñece a tradición do Apalpador e lla contas gústalle e enténdeo como algo cultural e apolítico. Se a quere celebrar ou non é cousa dela, pero a única xente que o asocia ao independentismo é aquela que ve en calquera potenciación da cultura galega un ataque contra a unidade da España (cousa que non é así!).
Encontra o Apalpador na Internet!
Blogue: http://apalpador.agal-gz.org/
Web: http://apalpador.net/ (os .com e .org son para o libro de Xoán G. e o .es para o libro Antón e o Apalpador)